A OPE 2026 rexistra un lixeiro descenso do 4,9% de viaxeiros respecto ao ano pasado, pero mantén a fluidez coa entrada en vigor do sistema EES da UE
A Operación Paso do Estreito (OPE) 2026 completou o seu primeiro mes de funcionamento con cifras que reflicten unha estabilidade nos fluxos de mobilidade entre Europa e o norte de África, malia o contexto dunha novidade regulatoria de gran calado: a implantación obrigatoria do Sistema de Entradas e Saídas da Unión Europea (EES), que substitúe o selado manual do pasaporte polo rexistro dixital de datos biométricos das persoas viaxeiras procedentes de terceiros países.
Primeiras cifras do dispositivo
Entre o 15 de xuño e o 15 de xullo de 2026, un total de 646.121 pasaxeiros e 160.698 vehículos realizaron a travesía marítima a través dos portos españois participantes no operativo, nun total de 2.220 rotacións de buques. En comparación co mesmo período do ano anterior, o tránsito de viaxeiros rexistrou un descenso do 4,9%, mentres que o número de vehículos embarcados baixou un 4,4% e as rotacións de navieiras reduciuse nun 6,3%.
Estas variacións prodúcense nun ano en que a entrada en vigor do EES esixiu reforzar persoal e medios nos portos participantes. Segundo as administracións implicadas, a implantación do novo sistema resolveuse sen incidentes nin grandes demoras, grazas á planificación previa e á coordinación entre organismos españois e autoridades marroquís.
Algeciras, porto dominante
Por instalacións portuarias, Algeciras segue a concentrar o maior volume de tráfico, con 357.590 pasaxeiros e 100.047 vehículos, seguido de Almería e Tarifa, con arredor de 115.000 pasaxeiros cada un. A ruta Algeciras-Tánger Med mantense como a liña marítima de maior actividade, con 250.504 pasaxeiros e 75.700 vehículos, seguida da conexión Tarifa-Tánger Ville e da liña Algeciras-Ceuta.
O dispositivo, que se estenderá ata o 15 de setembro de 2026, conta coa participación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, autoridades portuarias, capitanías marítimas, servizos sanitarios, Cruz Vermella e outras institucións.
Atención social e sanitaria
Máis aló das cifras de mobilidade, o dispositivo asistencial despregado nos portos realizou un total de 386 asistencias sanitarias e 2.993 asistencias sociais, o que pon de manifesto as necesidades de atención das persoas en tránsito. Valencia encabeza o volume de asistencias sociais acumuladas, con 1.013 intervencións, seguida de Tarifa con 939 e Algeciras con 364. En materia sanitaria, destaca Almería con 247 asistencias.
Estas cifras recordan que a OPE non é só un operativo loxístico, senón tamén un dispositivo de protección para milleiros de persoas que realizan desprazamentos longos en condicións non sempre favorables, moitas delas traballadoras emigradas que regresan ás súas familias no norte de África.
O EES e as novas fronteiras dixitais
A entrada en vigor do sistema EES supón un salto cualitativo no control fronteirizo da Unión Europea, con implicacións que van máis aló da xestión operativa. O rexistro biométrico sistemático de todas as persoas non comunitarias en tránsito levanta interrogantes sobre privacidade, dereitos fundamentais e o modelo de fronteiras que está a construír a UE, nunha tendencia cara á dixitalización da vixilancia que organizacións de dereitos humanos veñen cuestionando nos últimos anos. A ausencia de incidentes técnicos non resolve estes debates de fondo.
As administracións participantes piden ás persoas viaxeiras que planifiquen os seus desprazamentos con antelación, adquiran billetes antes de chegar ao porto e revisen toda a documentación antes de iniciar a viaxe, con vistas a reducir os tempos de espera nas xornadas de maior afluencia, que se esperan nas próximas semanas de verán.