A Conferencia Sectorial de Medio Ambiente remata sen acordos tras negarse o Ministerio a votar a proposta de suspensión presentada por nove comunidades.
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico volveu darlle as costas ás comunidades autónomas costeiras na xestión do litoral. A Conferencia Sectorial de Medio Ambiente celebrada este martes 8 de xullo en Santiago de Compostela rematou sen avances, sen compromisos e sen que sequera asistise a ministra, nunha nova mostra do que a Xunta de Galicia cualificou de “afrenta e desprezo” cara ás comunidades con costa.
A reunión fora convocada a instancias de Galicia, que na Conferencia Sectorial do pasado 22 de xuño reclamara un espazo monográfico e urxente para debater o proxecto de Real Decreto co que o Executivo de Pedro Sánchez pretende modificar o Regulamento Xeral de Costas. Contou co apoio da Comunidade Valenciana, Andalucía, A Rioxa, Cantabria, Madrid, a Rexión de Murcia, Ceuta e Baleares. Nove administracións que, malia as súas diferenzas ideolóxicas, coincidiron en denunciar un proceso unilateral e opaco que ataca as súas competencias exclusivas.
O nó do conflito está na natureza da reforma proposta. O Ministerio xustifícaa na necesidade de transpor a nova Directiva europea de servizos no litoral, tras un expediente de infracción aberto pola Comisión Europea contra España. Mais as comunidades afectadas denuncian que o Goberno central aproveita ese procedemento para invadir ámbitos competenciais que lles pertencen en exclusiva: os procedementos de outorgamento de concesións e autorizacións no dominio público marítimo-terrestre.
A secretaria xeral Técnica da Consellería galega de Medio Ambiente e Cambio Climático, Carmen Bouso, interveuno en nome da conselleira para subliñar que a reforma é “un atropelo ás competencias” autonómicas, recoñecidas tanto no Estatuto de Autonomía de Galicia como na sentenza do Tribunal Constitucional que avalou a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral galega. Segundo a representante galega, o Estado vai máis alá do que lle correspondería coa escusa do expediente comunitario.
Máis grave aínda resulta o feito de que o Ministerio leva case seis anos negociando con Bruxelas sen consultar en ningún momento ás comunidades costeiras: nin antes da elaboración do anteproxecto, nin durante o proceso de redacción. Esta exclusión sistemática é o que as nove administracións denunciaron hoxe con máis forza, lamentando que nin sequera agora, co expediente de infracción en marcha, o Goberno central ofreza garantías de que vai incorporar as súas alegacións ou trasladarlle á Comisión Europea o alcance real da reforma proposta.
Outro elemento que xerou alarma entre as comunidades é a ausencia de previsión orzamentaria para atender as indemnizacións que reclamarán os titulares de concesións afectados pola nova regulación. Este baleiro, advirten, xerará inseguridade xurídica e pode trasladar a responsabilidade económica cara ás administracións autonómicas.
A proposta presentada polas nove comunidades na Conferencia Sectorial pedía a suspensión cautelar da tramitación do Real Decreto e a apertura dun proceso de reforma lexislativa baseado no consenso e no máximo respecto ás competencias autonómicas. O Ministerio negouse a sometela a votación argüindo que ese organismo non é o espazo adecuado para votar proxectos normativos, un argumento que as comunidades consideraron unha evasiva.
O resultado é o mesmo de sempre: unha reunión baleira de contido, sen acordos e sen compromisos. Para Galicia, o litoral non é só un recurso económico fundamental para o marisqueo, a acuicultura, o turismo e a pesca artesanal; é tamén un espazo de soberanía sobre o que a comunidade ten dereito a lexislar e xestionar. A deriva centralista do Goberno español nesta materia non só vulnera o marco competencial, senón que pon en risco modelos de xestión do litoral que en Galicia, grazas á presión das comunidades locais e das traballadoras do mar, foron construídos con décadas de esforzo.