O seu proxecto Emcobios, dotado con case 200.000 euros, desenvolverá tecnoloxías de membrana para recuperar biosurfactantes dos residuos da industria do millo
A investigadora Xanel Vecino, do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da Universidade de Vigo, conseguiu unha das tres axudas concedidas en todo o Estado no ámbito das Tecnoloxías Medioambientais dentro da convocatoria Consolidación Investigadora 2025 do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Un logro salientable nun contexto de alta competencia: das nove solicitudes presentadas desde a UVigo nesta convocatoria, só esta acadou financiamento, o que representa un cociente de éxito do 11,11%.
O proxecto, denominado Emcobios —Procesos de electromembrana para a recuperación de biosurfactantes derivados do millo—, está dotado con 199.595 euros e desenvolverase ao longo de dous anos. O seu obxectivo central é transformar as augas de lavado de millo (CSW), un subproduto líquido xerado pola industria do millo que habitualmente se trata como residuo, nunha fonte de compostos de alto valor engadido: os biosurfactantes.
Estes compostos de orixe biolóxica representan unha alternativa máis sostible e biocompatible aos tensioactivos de síntese química empregados masivamente en sectores como o cosmético, o agroquímico ou o alimentario. A súa obtención, porén, segue enfrontando retos tecnolóxicos importantes, que Emcobios pretende superar mediante o uso de tecnoloxías de membrana, en particular a electrodiálise a escala piloto. Fronte aos métodos tradicionais que dependen de disolventes tóxicos, esta tecnoloxía permite separar e concentrar os compostos de interese reducindo o consumo enerxético e eliminando substancias perigosas do proceso.
A investigación está ademais aliñada con varios Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), ao promover modelos industriais máis responsables, favorecer unha xestión eficiente da auga e contribuír á loita contra o cambio climático. O proxecto enmárcase nos principios da economía circular, apostando polo aproveitamento dos residuos agroindustriais como recursos de valor en lugar de tratarllos como cargas ambientais.
Vecino, que imparte docencia na Escola de Enxeñería Industrial da UVigo, dirixirá o proxecto co apoio do grupo de Enxeñaría Química 10 do Cintecx e da Universitat Politècnica de Catalunya. A investigadora subliñou a importancia da axuda non só polo avance científico que supón, senón tamén polo seu impacto na estabilidade laboral dentro da universidade: “Favorece a creación e consolidación de prazas de carácter permanente, o que representa unha gran satisfacción tanto a nivel profesional como persoal”.
O caso de Emcobios ilustra con claridade o potencial das institucións universitarias galegas para competir no plano estatal en áreas de investigación de vangarda. A aposta pola biotecnoloxía verde e os procesos industriais sostibles desde a Universidade de Vigo refuerza a súa posición como axente clave na transición cara a un modelo produtivo máis xusto e respectuoso co medio, en liña co que demanda a urxencia climática e a soberanía sobre os recursos naturais.