A décima edición do seu Anuario, que se presenta o 15 de xullo en A Coruña co ministro Arcadi España, pon no centro o debate fiscal e o futuro dos servizos públicos galegos.
Dez anos de análise económica rigorosa e comprometida con Galicia. Esa é a cifra que acada este 2026 o Anuario do Foro Económico de Galicia, unha publicación que naceu para encher un baleiro de reflexión especializada sobre a realidade produtiva e social do país e que, edición tras edición, foi gañando peso como referencia inescusable para quen quere entender os grandes retos da economía galega. A décima entrega presentarase o vindeiro mércores 15 de xullo, ás 11.00 horas, no Auditorio de Afundación de Abanca, no Cantón Grande de A Coruña, nun acto que reunirá algunhas das voces máis influentes do panorama institucional, académico e empresarial do país.
A presenza do ministro de Facenda do Goberno do Estado, Arcadi España, é a principal novidade desta edición e non é casual. Sitúa no centro da axenda un dos debates máis transcendentais para o futuro de Galicia: a reforma do sistema de financiación autonómica, un modelo caducado desde 2009 que segue sen renovarse mentres as comunidades esperan un acordo que as cifras apuntan que pode resultar especialmente prexudicial para o país.
Xunto ao ministro, participarán no acto a alcaldesa de A Coruña, Inés Rey; o presidente do Foro Económico de Galicia, Víctor Nogueira; o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas; o director do Foro, Santiago Lago Peñas; e o editor do Anuario, José Luis Gómez, un dos impulsores desta iniciativa desde as súas orixes xunto aos profesores González Laxe e Lago Peñas.
Pero máis alá do simbolismo da efeméride, o que está en xogo é de enorme transcendencia para a cidadanía galega. O Foro Económico de Galicia leva meses advertindo que a proposta de reforma do sistema de financiación autonómica presentada polo Ministerio de Facenda deixaría a Galicia nunha posición claramente desfavorable. Segundo as estimacións do propio Foro, os recursos que chegarían á comunidade poderían quedar entre 900 e 1.000 millóns de euros por baixo do que correspondería nun reparto xusto, moi por riba dos 587 millóns que o Goberno central contempla como mellora. En palabras do director Santiago Lago, a proposta deixa a Galicia “mal, tirando a moi mal”.
O problema de fondo é estrutural e ten nome propio: o envellecemento demográfico e a dispersión territorial. O borrador do Goberno reduce o peso destes criterios fundamentais para Galicia e prioriza a poboación axustada como factor principal no reparto de recursos. Isto favorece as comunidades máis poboadas pero penaliza territorios como o galego, con custos reais de prestación de servizos sanitarios, educativos e de dependencia moi superiores á media. O sistema actual, vixente desde 2009, aínda mantén mecanismos correctores que sitúan a Galicia lixeiramente por riba da media estatal en financiación per cápita. A reforma planteada eliminaría esa marxe de protección.
Dende o Foro insístese en que a comunidade necesita un modelo que reflicta o custo real de garantir dereitos universais nun territorio envellecido, con baixa densidade de poboación e retos de conectividade. De non corrixirse o enfoque, Galicia podería ver comprometida a súa capacidade de investimento e o seu equilibrio orzamentario a medio prazo, o que significaría, en última instancia, menos recursos para sanidade, educación e coidados: os piares fundamentais do benestar das persoas.
Na XV Reunión Anual do Foro, celebrada en Muxía o pasado mes de abril, xa se chegara á conclusión de que o actual sistema precisa unha reforma, pero que antes de que unha proposta definitiva chegue ao Congreso dos Deputados sería conveniente tecer un maior consenso entre as comunidades autónomas. Galicia, con poboación envellecida e dispersa, afronta custos estruturais que fan especialmente sensible calquera modificación do sistema.
Máis alá do debate fiscal, o Anuario 2026 tamén analiza a conxuntura económica galega nun momento que os propios expertos califican de sorprendente. O Foro prevé que o PIB de Galicia crezca por encima do 2% este ano, cunha demanda interna sólida e o impulso dos fondos europeos como motores principais. Porén, a economía galega segue medrando por baixo do conxunto do Estado, e a creación de emprego avanza con lentitude: nun contexto de crecemento do PIB do 2,4%, o emprego só sobe un 1,1%. Ademais, destaca un dato positivo desde a perspectiva da igualdade: o emprego feminino avanzou un 3,9%, fronte ao 1% nos homes, aínda que estes datos deben lerse coa cautela que impón a precariedade aínda existente no mercado de traballo.
A décima edición do Anuario reúne, como é tradición, as contribucións de destacados expertos, catedráticos e profesoras das universidades galegas, xunto con especialistas de distintos ámbitos institucionais e económicos. O resultado é unha radiografía multidisciplinar dunha Galicia que medra pero que afronta retos estruturais enormes: a transformación industrial derivada da electrificación, a captación de talento, a sostibilidade do Estado do benestar e a transición enerxética. Debates que, desta vez, chegan ao corazón do debate político co ministro de Facenda sentado á mesa. A pregunta que queda no aire é se o Goberno do Estado escoitará.