Dúas convocatorias de 600 MW cada unha abrirán a porta a centrais de alta eficiencia preparadas para consumir hidróxeno renovable, cun aforro previsto de 8,4 millóns de toneladas de CO₂
O Consello de Ministros aprobou esta semana o Real Decreto que establece o marco para a renovación do parque de cogeneración industrial en España mediante dúas subastas, convocadas para 2026 e 2027, que distribuirán un total de 1.200 megavatios (MW) de potencia entre instalacións de alta eficiencia. A medida, impulsada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), abre por primeira vez a posibilidade de que participen centrais que operen con biomasa, ademais das tradicionais de gas natural.
Cada subasta adxudicará 600 MW e as empresas interesadas deberán cumprir requisitos esixentes: as instalacións de gas natural non poderán superar as 270 gramos de CO₂ por quilovatio-hora e terán que estar preparadas para incorporar, como mínimo, un 10% de hidróxeno renovable na súa alimentación. As de biomasa, pola súa banda, deberán acreditar o cumprimento dos criterios de sostibilidade e redución de emisións establecidos pola normativa europea. En ambos os casos, o aforro de enerxía primaria deberá ser superior ao 10% para ser consideradas de alta eficiencia, agás nas instalacións de menos de 1 MW.
Dende a perspectiva industrial, a medida ten especial relevancia para o tecido produtivo galego. Sectores como o papeleiro, o alimentario, o químico ou o cerámico —con presenza significativa en Galicia— son usuarios históricos da cogeneración, xa que lles permite xerar simultaneamente calor e electricidade, reducindo custos enerxéticos e emisións. A renovación do parque de cogeneración pode ser, polo tanto, unha oportunidade para modernizar infraestruturas industriais clave para o emprego e a economía do país.
Sen embargo, cómpre unha lectura crítica desta iniciativa. O protagonismo do gas natural, un combustible fósil, suscita interrogantes sobre o ritmo real da transición enerxética, pese á esixencia de compatibilidade co hidróxeno renovable. As organizacións ecoloxistas levan anos advertindo que apostar por infraestruturas gasistas con vidas útiles de ata 12 anos pode supor un lastre para os obxectivos climáticos de 2030 e 2050. No caso da biomasa, a vida útil regulatoria amplíase ata os 20 anos, o que implica un compromiso a máis longo prazo.
O réxime retributivo específico que se outorgará a través das subastas constitúe unha axuda de Estado autorizada pola Comisión Europea e calculouse cunha rendibilidade razoable do 7,09% para o período regulatorio 2026-2031. O sobrecoste estimado para o sistema eléctrico oscilará entre os 414 e os 582 millóns de euros anuais, cifra que se verá minorada polos descontos obtidos nas propias convocatorias.
As subastas realizaranse en sobre pechado con sistema marxinal descendente, e ningunha empresa poderá adxudicarse máis do 50% da potencia convocada en cada edición. O Operador do Mercado Ibérico da Electricidade será o responsable da organización, baixo a supervisión da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia.
O goberno estima que a incorporación dos 1.200 MW evitará a emisión de 8,4 millóns de toneladas de CO₂ ao longo da vida útil regulatoria das plantas, un dato que presenta como argumento central para xustificar o investimento público. Queda por ver, porén, se as condicións das subastas favoreceran tamén ás industrias de menor tamaño ou se, pola contra, consolidarán a posición dos grandes grupos enerxéticos e industriais no mercado.