O shock enerxético derivado do conflito en Oriente Próximo frena Europa e expón os sectores exportadores galegos —pesca, conservas e automoción— a unha menor demanda continental
A Comisión Europea fixo saltar as alarmas en toda a Unión. As previsións económicas de primavera de 2026, publicadas o pasado 21 de maio, recortaron o crecemento previsto para a zona euro ata o 0,9% neste ano, tres décimas menos do que se estimara no outono de 2025, e ata o 1,1% para o conxunto da UE. Para 2027, as perspectivas tampouco son halagüeñas: o bloque comunitario non superaría o 1,4%. O diagnóstico é claro e duro: o conflito en Oriente Próximo desencadeou un novo shock enerxético que reavivou a inflación e sacudiu a confianza económica en todo o continente.
O comisario europeo de Economía e Produtividade, Valdis Dombrovskis, non deixou marxe á ambigüidade: o impacto da guerra en Oriente Medio sobre os prezos das materias primas enerxéticas é o principal responsable desta revisión á baixa. A inflación, que se agardaba que continuase a súa senda descendente, romperá esa tendencia e situarase no 3,0% na zona euro en 2026, moi por riba do obxectivo do 2% do Banco Central Europeo, para baixar ao 2,3% en 2027. É a segunda gran perturbación enerxética que sofre a UE en menos de cinco anos, e como importadora neta de combustibles fósiles, a súa vulnerabilidade estrutural volve quedar ao descuberto.
As grandes economías do bloque acusan o golpe con forza. Alemaña, o principal mercado de destino das exportacións industriais galegas, apenas crecerá un 0,6% en 2026. Francia quedará no 0,8% e Italia no 0,5%. Estes datos non son meras estatísticas abstractas para Galicia: son a antesala dunha contracción da demanda europea que afectará directamente ás empresas exportadoras do país.
E é que Galicia ten unha exposición extraordinaria ao mercado comunitario. Segundo datos da Oficina Económica da Xunta, a Unión Europea recibiu o 71,4% das exportacións galegas, destacando Alemaña, Francia, Italia e Portugal como principais destinos. Os sectores que articulan esa relación comercial —pesca e produtos pesqueiros, conservas, automoción e téxtil— son precisamente os que dependen dunha demanda interna europea robusta para sosterse. Cando esa demanda flaquea, as ordes de produción baixan e os postos de traballo, na súa maioría feminizados no caso das conserveiras, comezan a resentirse.
A planta de Stellantis en Vigo, o maior complexo automobilístico de España e un dos máis potentes de Europa, é especialmente sensible a estas dinámicas. A desaceleración industrial alemá e francesa implica menos compras de vehículos, menos compoñentes demandados e, en última instancia, menos actividade na ría de Vigo. O mesmo ocorre co sector pesqueiro e conserveiro, onde o freo do consumo privado europeo —corroído por unha inflación subyacente que non cede— reduce a capacidade adquisitiva das familias para mercar produtos de maior valor engadido como o peixe en conserva galego.
España, con todo, mantén un diferencial positivo respecto á media da eurozona. Bruxelas proxecta un crecemento do 2,4% para 2026, impulsado polo turismo e os fondos Next Generation. E Galicia, segundo o Foro Económico de Galicia, podería crecer entre o 2% e o 2,5% este ano, sustentada fundamentalmente na demanda interna, o sector da construción e os fondos europeos. Porén, as exportacións galegas xa amosan síntomas de esgotamento: no primeiro trimestre de 2026 apenas medraron un 0,7%, segundo o economista Fernando González Laxe.
Esta realidade contradictoria —crecemento agregado pero freo exportador— agacha unha desigualdade estrutural que non podemos ignorar. O modelo produtivo galego depende excesivamente de grandes corporacións con cadeas de valor externalizadas, como Stellantis ou as grandes armadoras conserveiras multinacionais, cuxas decisións estratéxicas se toman lonxe das rías e dos portos galegos. Mentres tanto, o pequeno tecido cooperativo e a economía local e rural carecen das ferramentas e do apoio institucional necesarios para diversificar destinos e reducir esa dependencia estrutural do mercado europeo.
A Comisión Europea pide “unidade e determinación” para acelerar reformas e reducir a dependencia dos combustibles fósiles. Pero esa mensaxe soa baleira mentres as traballadoras das conserveiras do Morrazo e as tripulacións dos barcos pesqueiros galegos viven na incerteza dun mercado que se estreita. O que precisa Galicia non é só resiliencia conxuntural, senón políticas públicas valentes que reforcen a soberanía económica do país, apoien o tecido produtivo local e blindes os sectores estratéxicos ante os vaivéns dun capitalismo global cada vez máis inestable.