O congreso internacional de animación, efectos visuais e intelixencia artificial celebrarase do 9 ao 11 de xullo coa participación de figuras de Netflix e gañadoras dun Oscar
A Coruña volverá ser durante tres días o centro neurálxico da industria audiovisual e dixital internacional coa celebración da 24ª edición de Mundos Digitales, o Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Media, que terá lugar do 9 ao 11 de xullo. A Deputación da Coruña confirmou o seu apoio ao evento nunha presentación celebrada no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior plató virtual do Estado español e un dos máis relevantes de Europa, situado na Cidade das TIC.
O congreso, que naceu na cidade hai case un cuarto de século e se converteu nun referente europeo do sector, reunirá este ano a máis de cincuenta citas profesionais con nomes de peso internacional. Entre as figuras confirmadas atópanse Paul Debevec, responsable de investigación en produción de contidos de Netflix; Sara Bennett, gañadora dun Oscar aos mellores efectos visuais pola película Ex Machina; e Christina Caspers, directora xeral de TRIXTER e produtora executiva de Cinesite Group, entre outros perfís vinculados a grandes producións globais. O talento do Estado tamén terá o seu espazo, con presentacións como a do estudo El Ranchito sobre o seu traballo na serie The Boys.
A edición deste ano pon o foco en cuestións centrais para o futuro do sector: a converxencia tecnolóxica, os novos formatos narrativos, a creación interactiva e, de xeito especialmente destacado, os retos éticos e legais que formula o avance da intelixencia artificial na industria do entretemento. Trátase de debates que non só afectan ás grandes corporacións, senón que teñen implicacións directas para as condicións laborais, a autoría e a xestión dos dereitos das traballadoras e traballadores do audiovisual.
Unha das novidades desta edición é a incorporación do CEI como espazo de encontro profesional, con unha xornada específica baixo o título «Producción Virtual: el futuro de la creación digital», impulsada pola Deputación en colaboración co congreso e dirixida a profesionais, empresas, creadoras e institucións. O obxectivo declarado é achegar as posibilidades da produción virtual e xerar alianzas no ecosistema local e galego.
O CEI representa un investimento en infraestrutura pública que, segundo os seus promotores, permite ao sector audiovisual galego competir en igualdade de condicións cos grandes centros de produción internacionais, reducindo custos e tempos de produción e atinxindo proxectos que doutro xeito irían a outras localizacións. Esta aposta por dotar ao territorio de medios propios é coherente cunha visión de soberanía produtiva que evite a fuga de talento formado en Galicia cara a outros mercados.
Ademais das conferencias e mesas de debate, Mundos Digitales manterá actividades xa consolidadas como os encontros «Coffee With», a Feira de Emprego —especialmente relevante nun sector con alta demanda de persoal especializado—, o Festival Internacional de Animación, talleres, proxeccións e demostracións técnicas.
O congreso conta co respaldo conxunto da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña e a Deputación da Coruña, o que reflicte un consenso institucional arredor da aposta polo sector dixital e audiovisual como eixo de desenvolvemento económico para o territorio. A cuestión pendente é se este impulso institucional se traduce en condicións laborais dignas e estables para o tecido profesional galego do sector, ou se queda nun escaparate de visibilidade internacional sen efectos reais sobre o emprego de calidade e a consolidación de empresas de base local.