Os técnicos de Hacienda (GESTHA) alertan de que o fraude representa o 7% do PIB e afecta especialmente a autónomos e pequenas empresas de sectores como a hostalería ou a construción
España figura entre os países europeos con maior economía mergullada, cunhas perdas fiscais que superan os 90.000 millóns de euros anuais, segundo as estimacións do Sindicato de Técnicos de Hacienda (GESTHA). Esta cifra, equivalente ao 7% do Produto Interior Bruto do Estado, pon de manifesto as profundas fendas dun sistema tributario que, segundo os expertos, penaliza a quen cumpre e beneficia a quen evade.
O último Plan de Control Tributario e os datos das campañas de inspección do período 2023-2025 permiten trazar un mapa detallado das profesións con maior incidencia de irregularidades fiscais, elaborado a partir de tres indicadores: volume de diñeiro defraudado, porcentaxe de inspeccións con resultado positivo e reincidencia.
**O sector inmobiliario, á cabeza do fraude**
Os axentes inmobiliarios autónomos encabezan a listaxe, con irregularidades detectadas no 68% das inspeccións. O seu principal mecanismo é non declarar comisións en operacións de compravenda, especialmente no mercado de segunda man. Só en 2025, a Axencia Tributaria calculou que deixaron de declararse máis de 420 millóns de euros neste sector, uns datos especialmente relevantes nun contexto de crise habitacional que golpea tamén con forza a Galicia. Ante isto, o Plan de Control Tributario 2026 reforza a vixilancia sobre transaccións superiores aos 300.000 euros.
**Sanidade privada e hostalería, na lista negra**
O sector sanitario privado ocupa o segundo posto, con irregularidades no 61% das inspeccións. GESTHA denuncia que en determinados casos ata o 40% dos ingresos reais non se declaraban, recorrendo a sistemas de dobre contabilidade. A hostalería, cun 59% de inspeccións con resultado positivo, pecha o podio. Os restaurantes e bares de categoría media-alta son os que, proporcionalmente, máis defraudan, segundo os técnicos de Hacienda, que apuntan ao uso de software de facturación manipulado como principal ferramenta de evasión.
Este dato é especialmente significativo para Galicia, onde o sector turístico e hostaleiro ten un peso económico determinante, con miles de pequenos establecementos que constitúen o groso do tecido empresarial do país.
**Construción, transporte e servizos: o fraude dos autónomos**
A construción, con irregularidades no 49% das inspeccións, representa aproximadamente o 15% de toda a economía mergullada española. Os autónomos e pequenas empresas do sector recorren á contratación irregular de traballadores e á realización de obras sen declaración fiscal. Desde 2024, Hacienda cruza datos entre licenzas de obra municipais e declaracións fiscais para detectar estas prácticas.
O transporte autónomo —taxistas, conductoras e condutores de VTC e transportistas— presenta irregularidades no 43% dos casos, mentres que os servizos persoais como peluquería, estética ou adestramento persoal pechan a listaxe cun 38%. Neste último sector, GESTHA sinala que os establecementos en zonas turísticas e grandes cidades presentan ata un 60% máis de probabilidade de defraudar que os situados en barrios de renda media-baixa.
**Un problema estrutural que afecta á xustiza social**
Dende unha perspectiva crítica, o informe de GESTHA evidencia que o fraude fiscal non é un fenómeno illado, senón un problema estrutural con graves consecuencias para a equidade do sistema. Segundo o Banco de España, por cada punto porcentual de economía mergullada, o Estado debe aumentar a presión fiscal sobre a economía formal en aproximadamente 0,7 puntos para manter o mesmo nivel de servizos públicos. Quen cumpre as súas obrigas tributarias acaba sufragando o que outros evitan.
Os expertos coinciden en que o tamaño empresarial é un factor determinante: as profesións con maior atomización —máis autónomos e microempresas— presentan sistematicamente maior incidencia de fraude que as dominadas por grandes corporacións. Non por maior tendencia a defraudar, advirte GESTHA, senón pola menor capacidade de control interno e polo peso desproporcionado dunha normativa tributaria complexa que resulta especialmente difícil de cumprir para os pequenos.
Esta realidade interpela directamente ao modelo produtivo galego, baseado na pequena e mediana empresa, o traballo autónomo e sectores como a construción, a hostalería ou os servizos. A simplificación fiscal e o investimento en medios humanos e tecnolóxicos para a Axencia Tributaria aparecen como as principais demandas dos técnicos de Hacienda para atacar un problema que, en última instancia, precariza os servizos públicos dos que depende a maioría da cidadanía.