O CSIF denuncia a situación crítica da oficina de Vigo de Extranjería, onde medio cento de traballadores públicos deben tramitar o proceso extraordinario de regularización sen medios suficientes.
A oficina de Extranjería de Vigo, dependente da Administración do Estado, enfronta unha situación de colapso inminente. Apenas medio cento de funcionarias e funcionarios da Unidade de Tramitación de Expedientes de Extranjería (UTEX) teñen sobre a mesa a responsabilidade de resolver preto de 1,2 millóns de solicitudes presentadas no marco do proceso extraordinario de regularización de persoas inmigrantes posto en marcha polo Goberno español.
Aínda que contan co apoio duns 150 efectivos da empresa pública Tragsa/Tragsatec, a resolución definitiva de cada expediente require a sinatura e validación dun funcionario ou funcionaria de carreira, o que converte este recurso auxiliar en claramente insuficiente para absorber o volume acumulado. Cada expediente implica verificar cumprimento de prazos, controlar a permanencia no territorio e cruzar datos en diferentes bases, un traballo técnico que non admite delegación plena en persoal non habilitado.
O sindicato CSIF, o máis representativo nas administracións públicas do Estado, denuncia publicamente esta situación e esixe ao Goberno central a incorporación inmediata de reforzo de persoal. A entidade sindical advirte de que, de non adoptarse medidas urxentes, moitas solicitudes poderían ser denegadas por silencio administrativo, dado que o prazo legal para resolver é de tres meses.
**Medio millón de expedientes sen volcar**
A situación agravouse polo feito de que o volume de solicitudes superou con creces as previsións gobernamentais. A plataforma informática ‘Mercurio’, un programa en uso desde 2022 para xestión de Extranjería, non foi quen de absorber toda a documentación: segundo datos do propio CSIF, quedan por introducir os datos de arredor de medio millón de persoas.
Ante o bloqueo, a Secretaría de Estado de Migracións propuxo recorrer a voluntarios entre o persoal funcionario das Oficinas de Extranjería para que traballen fóra do seu horario laboral na gravación de expedientes, cunha retribución de 10 euros por expediente. Con todo, o Ministerio de Facenda aínda non autorizou o gasto que suporía esta medida extraordinaria, o que deixa o proceso nun impasse que pode resultar fatal para miles de persoas que esperan regularizar a súa situación.
**Colapso tamén nas comisarías**
O problema non remata nas oficinas de tramitación. Cando as solicitudes sexan resoltas favorablemente, as comisarías de Policía serán as encargadas de expedir as Tarxetas de Identidade de Estranxeiro (TIE). Esas dependencias xa están a sufrir fallos informáticos diarios nas súas aplicacións de documentación, sen que a Administración ofrecese até o momento unha solución definitiva.
A situación pinta especialmente complicada para os meses de verán, cando as plantillas están reducidas por vacacións e, ao mesmo tempo, aumenta a demanda de expedición de DNI, pasaportes e TIE. O CSIF esixe a incorporación dos 504 funcionarios interinos que a propia Dirección Xeral da Policía solicitou ao Goberno para reforzar estas oficinas, aínda que recoñece que a falta real de efectivos rolda os 2.000.
**Dereitos de persoas vulnerables en xogo**
Máis alá das disfuncións burocráticas, o que está en xogo son os dereitos de centos de miles de persoas en situación de vulnerabilidade. O colapso administrativo non é un problema técnico neutro: tradúcese en vidas que permanecen en situación irregular, con todo o que iso implica en termos de acceso ao traballo formal, á sanidade, á vivenda e á protección social.
A resposta do Goberno central, que promoveu un proceso de regularización sen dotar os organismos executores dos medios humanos e tecnolóxicos necesarios, evidencia as contradicións dunha política migratoria que, por un lado, recoñece o dereito á regularización e, por outro, non inviste nos recursos públicos imprescindibles para facelo efectivo. Trátase, en definitiva, dun exemplo máis da precarización da Administración pública e das súas traballadoras e traballadores, que deben soportar cargas de traballo inasumibles sen os medios adecuados.