O sindicato galego pide ao Comité Europeo de Dereitos Sociais que avalie a aplicación real da Carta Social Europea, máis alá do marco normativo formal
A Confederación Intersindical Galega (CIG) presentou as súas observacións ao informe do Goberno español sobre a aplicación da Carta Social Europea ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais, reclamando que o organismo europeo valore o cumprimento efectivo dos dereitos laborais a partir das condicións reais que viven as traballadoras e traballadores, e non só da existencia formal de leis, plans ou campañas institucionais.
O sindicato galego cuestiona directamente a fiabilidade do informe oficial, ao que acusa de ofrecer unha descrición ampla do marco normativo vixente sen acreditar que eses dereitos se garantan de forma efectiva nos centros de traballo. Segundo a CIG, “o exercicio práctico dos dereitos laborais en España segue limitado por factores estruturais: subcontratación, precariedade, baixa densidade sindical en determinados sectores, feble aplicación da normativa nas pequenas empresas, segregación de xénero, traballo en plataformas, exceso de tempo de traballo, insuficiente control dos riscos psicosociais e un modelo institucional de diálogo social que non reflicte adecuadamente o pluralismo, especialmente en nacións como Galiza”.
Entre os ámbitos onde a central sindical detecta déficits máis graves figura a prevención de riscos laborais. As elevadas cifras de sinistralidade no traballo, sinala a CIG, demostran que a prevención segue a ser insuficiente. O mesmo ocorre cos riscos psicosociais, cuxa regulación “segue a ser indirecta e a aplicación feble”, segundo denuncia o sindicato. No eido da xornada laboral, os límites legais formais conviven cunha concentración excesiva de horas, mentres que a ausencia dunha regra xeral sobre gardas e dispoñibilidade inactiva xera inseguridade xurídica incompatible cun descanso efectivo.
A CIG tamén pon o foco no traballo en plataformas dixitais, citando o caso de Glovo como exemplo paradigmático de como as normas legais son difíciles de facer cumprir na práctica. O sindicato cuestiona se as sancións son suficientemente disuasorias e se as traballadoras afectadas están a ser regularizadas de forma efectiva. Respecto ao traballo doméstico e ás persoas autónomas, recoñece avances legais pero denuncia que a súa aplicación continúa a ser feble, cunha situación especialmente grave no caso das falsas autónomas, nas que se agocha dependencia económica real.
No terreo da igualdade retributiva, a CIG alerta de que a fenda salarial persiste, non só pola desigualdade polo mesmo traballo, senón tamén pola infravaloración histórica dos traballos feminizados. Esta dimensión estrutural do problema, subliña o sindicato, non queda reflectida no informe gobernamental.
No ámbito dos dereitos colectivos, a CIG denuncia que o modelo de diálogo social tripartito vixente no Estado español non garante un verdadeiro pluralismo sindical. Lembra que, conforme á Lei Orgánica 11/1987 de liberdade sindical, un sindicato é considerado máis representativo cando acada polo menos o 10% da representación a nivel estatal ou o 15% nunha comunidade autónoma con mínimo de 1.500 representantes. A CIG cumpre este segundo limiar en Galiza, ao igual que ELA e LAB no País Vasco. Malia iso, estes sindicatos de ámbito infraestratal quedan marxinados das decisións que afectan ás condicións de traballo das persoas ás que representan.
Por todo iso, a CIG solicita ao Comité Europeo de Dereitos Sociais que esixa ao Estado español información desagregada e verificable sobre a actividade da Inspección de Traballo, as sancións por incumprimentos, o control efectivo da xornada, a avaliación dos riscos psicosociais, a aplicación dos plans de igualdade e a situación do traballo en plataformas, do traballo doméstico e das falsas autónomas. Reclama ademais que a avaliación do Comité teña en conta a situación das persoas traballadoras máis vulnerables e a realidade dos sectores máis afectados pola precariedade e a fragmentación produtiva.