O Indicador Abanca-Foro confirma un crecemento do 2,9% en abril mentres o sector industrial lidera con forza nun contexto global de incerteza.
A economía galega mantén o seu pulso en 2026. O último Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica de Galicia sitúa o crecemento interanual da actividade económica no 2,9% durante o mes de abril, unha taxa idéntica á rexistrada en febreiro e marzo, consolidando así unha traxectoria de estabilidade que distingue ao país nun panorama europeo marcado pola desaceleración. Pero hai un dato que sobresae con especial forza: o Índice de cifra de negocios da industria rexistra un crecemento interanual próximo ao 5%, convertendo o sector industrial no principal motor do avance económico galego.
Tratase dun resultado especialmente significativo nun país cuxa estrutura produtiva segue apoiándose de forma determinante en actividades industriais, exportadoras e manufactureiras. Lonxe de ser un dato illado, este dinamismo confirma unha tendencia que se vén consolidando ao longo de 2026. O Foro Económico de Galicia, que reúne a máis de sesenta especialistas procedentes das universidades, o tecido empresarial e o xornalismo económico, proxecta que a comunidade superará o 2% de crecemento do PIB este ano, situando as súas previsións entre o 2% e o 2,5%, por riba da estimación oficial da Xunta, que se queda no 1,9%.
Os datos do primeiro trimestre de 2026 reforzan esta lectura: o PIB galego avanzou un 2,4% interanual, moi por riba do 0,7% da UE e do 0,3% da zona euro. En palabras do director do Foro Económico, Santiago Lago, a economía galega “segue marchando ben” e mantén a súa robustez malia as turbulencias internacionais: “Parece que nada nos frea”. Un optimismo matizado, porén, pola conciencia de que a conxuntura internacional podería facer prever resultados peores.
No plano sectorial, a industria galega afianza a súa posición estratéxica no Estado. Galicia acumula case a metade do valor das vendas da industria de confección de prendas de vestir nacional, sendo ademais líder en industria da madeira e do cortizo. No sector do automóbil, ocupa o segundo lugar con case o 19% da produción española, só por detrás de Cataluña. A planta de Stellantis en Vigo é o buque insignia dun ecosistema que en 2025 pechou cun récord de facturación do 5%, ata os 13.300 millóns de euros, con exportacións por valor de 9.125 millóns e investimentos que medraron un 7,2% ata os 179 millóns.
Sen embargo, a lectura non pode ser triunfalista. O propio indicador recolle que seis das variables incorporadas presentan evolución positiva, unha menos que o mes anterior. O turismo, pola súa banda, rexistrou un descenso superior ao 5% nos viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros respecto ao mesmo período do ano anterior, un sinal de que o crecemento non avanza de forma homoxénea en todos os ámbitos. Ademais, nun momento de alza do PIB do 2,4%, o emprego só sobe un 1,1%, o que evidencia que “custa acelerar” a creación de postos de traballo, segundo apuntou o economista José Francisco Armesto. Cabe salientar, con todo, o avance do emprego feminino, que crece un 3,9% fronte ao 1% entre os homes, o que apunta cara a unha transformación do mercado laboral que cómpre alentar con políticas activas.
No horizonte pesan tamén as incertezas estruturais. A alta concentración exportadora é un risco real: as cinco primeiras empresas exportadoras regulares concentran o 42,5% das vendas exteriores galegas, unha proporción moi superior á media española. A automoción vive unha transformación histórica pola electrificación e a competencia chinesa; o téxtil depende de cadeas globais sometidas a custos e tensións loxísticas. Galicia necesita diversificar: máis sectores, máis empresas, máis mercados e máis valor engadido.
Aínda que os aranceis de Trump supoñen un factor de inquietude —as vendas a Estados Unidos representan só o 2,6% do comercio exterior galego e o impacto no peor escenario non superaría os 200 millóns de euros—, o maior peso comercial das empresas galegas está en Europa, destino do 71,4% das exportacións. Portugal e Francia son os principais socios, e a Eurorexión Galicia-Norte de Portugal emerge como un espazo de interdependencia económica crecente.
O reto, en definitiva, non é só sosterse no ciclo expansivo. É garantir que o dinamismo industrial galego se traduza en máis emprego estable, mellor remunerado e con menor precariedade, e que a riqueza xerada polo sector manufatureiro beneficie ao conxunto da sociedade e non só ao capital concentrado nas grandes corporacións. Un debate que o Anuario 2026 do Foro Económico de Galicia, que será presentado o 15 de xullo en A Coruña, promete colocar no centro da axenda.