A Estación Fitopatolóxica do Areeiro detecta manchas de aceite e acios con síntomas de mildio larvado mesmo en parcelas recentemente tratadas
A Deputación de Pontevedra emitiu esta semana un aviso de máxima alerta para o sector vitícola da provincia ante a aparición de novos síntomas de mildio (Plasmopara viticola) nas viñas e a persistencia de condicións meteorolóxicas que favorecen o seu avance. O persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, referencia fitosanitaria para o agro galego, detectou manchas de aceite e casos de mildio larvado en diversas parcelas, incluídas algunhas que se atopaban dentro do período teórico de protección do último tratamento fitosanitario.
As altas temperaturas combinadas cunha humidade relativa moi elevada —produto da nebulosidade e as néboas rexistradas nos últimos días— crearon un escenario de máximo risco para o desenvolvemento do patóxeno. Estes síntomas aparecen ligados, segundo o diagnóstico técnico, a infeccións antigas que non foron controladas de forma completa durante a floración ou a fase inicial de formación do froito. A situación foi confirmada tamén por viticultores e técnicos de outras zonas vitícolas galegas, incluída a Ribeira Sacra.
Dende o Areeiro recórdase que o peche do acio é xa o estado fenolóxico dominante na maioría das variedades cultivadas na provincia, e que nalgunhas tintas moi temperás comeza a observarse o pintado. Ante as previsións meteorolóxicas, o servizo técnico recomenda intensificar a vixilancia das parcelas e renovar os tratamentos unicamente cando aparezan novos síntomas visibles, evitando así aplicacións innecesarias que poderían ter consecuencias ambientais e económicas.
Neste sentido, o Areeiro insiste nunha cuestión de responsabilidade ambiental e de saúde pública: os produtos fitosanitarios non deben aplicarse nunca cando a velocidade do vento supere os 11 km/h, para garantir que o produto chegue exclusivamente á superficie de tratamento e non se disperse cara ao entorno natural ou ás poboacións veciñas.
**Oídio, black rot e outros riscos en vixilancia**
As mesmas condicións meteorolóxicas foron propensas tamén ao desenvolvemento do oídio, aínda que as revisións de campo apenas rexistraron novos síntomas. Os modelos de predición, con todo, seguen situando o risco en nivel medio-alto ou alto, polo que a vixilancia non pode relaxarse, especialmente nas parcelas con historial de danos por este fungo. O black rot, pola súa banda, mantén unha presenza moi esporádica e limitada ás follas, sen xerar por agora problemas relevantes na campaña.
No relativo ás pragas de insectos, rexistráronse capturas de Lobesia botrana en todas as comarcas vitícolas, con cifras moderadas. Destaca a captura de 35 machos de Eupoecilia ambiguella nunha trampa en Sanxenxo, aínda que non se detectaron danos larvarios nas uvas e non se considera necesaria ningunha intervención de momento.
**Flavescencia dourada: o período de tratamento obrigatorio, aberto**
A Deputación lembra que está aberto o prazo para realizar o primeiro tratamento obrigatorio contra Scaphoideus titanus, o insecto vector da flavescencia dourada, nas zonas demarcadas, e recomendado nas zonas limítrofes. Aínda que as poboacións de ninfas parecen reducidas e non se detectaron adultos nas trampas, o servizo técnico insta a non relaxar as medidas preventivas. Faise un chamamento especial para extremar as precaucións nos desprazamentos entre comarcas —un factor clave na dispersión accidental do vector— e para identificar e eliminar con urxencia as cepas que presenten síntomas compatibles con esta enfermidade.
**Ácaros en ascenso e danos noutras especies**
O Areeiro alerta ademais do incremento das poboacións de ácaros, con presenza de erinose xa practicamente xeneralizada en todas as comarcas e en case todos os predios. Nalgúns casos os danos son visibles na cara superior das follas, e a acariose comeza a aparecer en parcelas con solos pobres. Detéctanse tamén novos danos da bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis) nos xardíns e espazos verdes, e o Areeiro aclara que a aparente seca observada en salgueiros de ribeira non responde á morte das árbores, senón á acción de coleópteros defoliantes que provocan necroses foliares de aspecto enganoso.