A Consellería do Mar presentou ante a Comisión Europea un balance de execución de récord, cun 105% do obxectivo anual acadado en 2025, e fixa nova estratexia para o exercicio en curso.
A Consellería do Mar da Xunta de Galicia prevé mobilizar un total de 55,5 millóns de euros en axudas procedentes do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) ao longo de 2026, co obxectivo declarado de reforzar o liderado do complexo mar-industria galego. A cifra foi presentada en Alicante durante a IV sesión do Comité de Seguimento do FEMPA, nun encontro bilateral no que participaron a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Marta Barreiro, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez.
A reunión tivo como obxectivo avaliar a execución e fixar a estratexia económica do exercicio en curso. Galicia chega a esta cita cunha folla de servizos notable: ao peche de 2025, a comunidade superou o obxectivo de execución marcado por Bruxelas, acadando un 105% do previsto, cun volume de gasto certificado próximo aos 65 millóns de euros. Desde o inicio do actual período FEMPA 2021-2027, Galicia leva executados máis de 74 millóns de euros, o que representa o 21,5% do total asignado.
Galicia é, con diferenza, a comunidade autónoma máis beneficiada polo FEMPA. A asignación total supera os 366 millóns de euros para o período 2021-2027, o que supón o 32,8% de todos os fondos destinados a España, un dato que reflicte o peso real do sector pesqueiro e acuícola galego no conxunto do Estado. Ao mesmo tempo, Galicia ten xa comprometidos o 49% dos fondos FEMPA, dous puntos por encima da media nacional, que se sitúa no 47,5%.
As liñas de axuda para 2026 abarcan un amplo abano de actuacións: desde a modernización de infraestruturas portuarias —con 10 millóns de euros para puertos, lonxas e lugares de desembarque— ata axudas para a pesca sostible destinadas tanto a persoas armadoras coma a tripulantes, pasando por programas de formación profesional para traballadoras e traballadores do sector, restauración da biodiversidade e ecosistemas mariños, e protección de bancos marisqueiros a través da recollida de residuos e argazos coa participación directa das persoas pescadoras e mariscadoras.
O financiamento estrutúrase cunha cofinanciación do 70% con fondos FEMPA e un 30% a cargo da Comunidade Autónoma, o que multiplica o impacto real de cada euro europeo mobilizado. Ademais, entre as entidades beneficiarias das convocatorias figuran as confrarías de pescadores, organizacións de produtores, cooperativas do mar, asociacións de mariscadoras a pé e de redeiras, recoñecendo así a diversidade de axentes que sosteñen o sector desde abaixo.
Porén, este escenario de investimento coexiste cunha ameaza estrutural que o propio sector non pode ignorar: a drástica redución do 67% nos futuros fondos europeos para o período 2028-2034, que pasarían dos actuais 6.000 millóns de euros a apenas 2.000 millóns. Para Galicia, que historicamente capta arredor do 30% dos fondos nacionais, isto podería traducirse nunha caída de máis de 450 millóns de euros en investimento para a pesca e a acuicultura. O impacto sería devastador para actividades emblematicas como o cultivo do mexillón en batea, a renovación da frota ou as infraestruturas de transformación.
A Xunta aproveitou o encontro coa Comisión Europea para reivindicar que o próximo Marco Financeiro Plurianual inclúa un orzamento específico, suficiente e estable para a pesca e a acuicultura, en liña coa posición recollida no ditame do Consello Galego de Pesca. Trátase dunha demanda lexítima, mais que non pode quedar só en mans da diplomacia institucional: o sector pesqueiro galego, con decenas de miles de empregos directos e indirectos, moitos deles feminizados no marisqueo e na industria de transformación, precisa dunha aposta política estrutural que vaia máis alá dos ciclos orzamentarios comunitarios.
Os datos de execución son positivos e demostran a capacidade de Galicia para xestionar os fondos europeos con eficacia. Pero a pregunta de fondo segue sen resposta: para quen se deseñan estas axudas e quen controla realmente o destino destes recursos públicos? As pescadoras, mariscadoras, confrarías e cooperativas deben ter voz real na definición das prioridades do FEMPA, e non só ser receptoras pasivas de convocatorias elaboradas desde os despachos. O mar é de quen o traballa.