A nova revisión do EU ETS condiciona as axudas públicas a investimentos reais e amplía o ámbito ao mar e ao transporte aéreo
A Comisión Europea presentou unha revisión estratéxica do seu Sistema de Comercio de Emisións (EU ETS), un mecanismo que dende 2005 xa logrou reducir máis do 50% as emisións dos sectores que abrangue. O obxectivo agora é alinear o sistema co ambicioso obxectivo de redución do 90% das emisións para 2040, ao tempo que se converte no “motor de investimento” para a descarbonización industrial da Unión.
O pilar fundamental da proposta é a creación do Banco de Descarbonización Industrial (IDB), unha ferramenta orzamentada en 100.000 millóns de euros que terá como primeira fase o “Investment Booster”, dotado con 30.000 millóns de euros para financiar antes de 2030 os proxectos que decidan investir en descarbonización. Ademais, obrigarase aos estados membros a destinar o 50% das súas receitas procedentes do ETS a investimentos descarbonizadores nos sectores regulados. Isto, xunto a outros instrumentos, persigue mobilizar máis de 100.000 millóns de euros en investimentos antes de 2030.
Novo trazado de redución de emisións
O novo factor de reducción linear (LRF) axusta o trazado de emisións para o período post-2030. Propón unha redución do 3,7% anual entre 2031 e 2035, que se reducirá ao 1,7% entre 2036 e 2040. Segundo a Comisión, manter o ritmo acelerado actual ata 2040 non sería realista, xa que levaría a capar o sistema preto dese ano. Este novo trazado pretende ofrecer un camiño máis previsible para as empresas que deben tomar decisións de investimento a longo prazo.
Condicións para a axuda pública
Un cambio crucial para a nosa industria é que a asignación gratuíta de permisos, que serve para protexer a competitividade, se fará condicional. Os operadores que reciban esta axuda pública deberán elaborar plans de investimento en descarbonización na UE e investir unha cantidade equivalente ao 100% do valor da súa asignación gratuíta en medidas concretas dentro do territorio da Unión. Isto busca garantir que as compensacións públicas se traduzan en transformación real e non en beneficios sen retorno ambiental.
Ampliación do ámbito: mar e aviación
O marco regulador esténdese significativamente aos sectores do transporte. No ámbito marítimo, reducirase o limiar de capacidade para a inclusión no ETS de 5.000 a 400 toneladas de rexistro bruto, afectando a un número maior de buques, incluídos pequenos cabotaxes e buques de apoio offshore. Para evitar a evasión, reforzaranse as salvagardas para buques de contedores. No transport aéreo, o ámbito ampliarase a todos os voos que saian do Espazo Económico Europeo con destino a países a menos de 5.000 quilómetros do centro xeográfico da Unión, ademais de todos os voos de avións de negocio.
Retos para Galicia: oportunidades e ameazas
Para unha economía industrial e marítima como a galega, esta reforma ten implicacións directas. Por unha banda, a ampliación do ETS ao sector marítimo e a obriga de investir na descarbonización poden supoñer custos adicionais para a nosa potente flota pesqueira e de transporte, e para os estaleiros de Vigo. Por outra, o énfasis en financiar a produción de combustibles sustentables e tecnoloxías limpas, así como a existencia do Banco Industrial de Descarbonización, representan unha oportunidade para que a industria galega acceda a financiamento para a súa transformación, sempre que se articulen estratexias eficazes para captar eses fondos. A clave está en que a solidariedade europea, vía o Fondo de Modernización, siga apoiando ás rexións de menores rendas na transición enerxética.
A proposta da Comisión, que chega enmarcada no acordo co Consello Europeo do pasado xuño e no Pacto Industrial Limpo, debaterá agora no Parlamento Europeo e o Consejo. O seu éxito, e o seu impacto real na industria continental e periférica, dependerá de que a súa ambición climática se complemente cun deseño xusto que non traslade todos os custos a sectores xa en tensión.