Un estudo do proxecto Iberlongeva cuantifica o impacto dos coidados non pagados e reclama transformalos en emprego formal e dereito social garantido.
Galicia sostén cada ano un sistema de benestar invisíbel que vale entre 4.227 e 5.495 millóns de euros. Ese é o valor monetario dos coidados informais que se prestan no país, segundo o estudo ‘El Derecho al Cuidado y la Economía de los Cuidados en España’, presentado este xoves no campus de Ourense da Universidade de Vigo no marco do proxecto transfronteirizo Iberlongeva. En horas, a cifra é igualmente abraiante: 491,35 millóns de horas anuais de traballo non remunerado que sostén a vida de persoas maiores, con discapacidade e en situación de dependencia.
Detrás dese traballo oculto hai, maioritariamente, mulleres. O informe non o di con esas palabras, pero a distribución histórica e estrutural dos coidados no fogar apunta de forma inequívoca a unha feminización do esforzo: son elas quen renuncian ao emprego, quen reducen xornadas, quen asumen a carga sen contrato nin cotización. Transformar ese labor invisible en emprego formal non é só un imperativo social: é tamén unha oportunidade económica que o propio estudo cuantifica.
Segundo o documento, cada 100 millóns de euros de investimento público en coidados de longa duración poderían mobilizar preto de 160 millóns de actividade económica en Galicia, cun multiplicador de 1,6. Ademais, por cada euro investido polas administracións, retornan potencialmente 49 céntimos en impostos e cotizacións sociais. De cara a 2030, os autores estiman que reforzar o sistema requiriría un investimento adicional equivalente a 0,6 puntos do PIB galego —uns 491 millóns de euros anuais— que podería xerar entre 21.900 e 31.700 novos postos de traballo.
A necesidade é evidente en Galicia máis que en calquera outra parte do Estado: o 26,9% da poboación galega ten 65 anos ou máis, case seis puntos por riba da media española. O 98% das persoas con discapacidade que reciben coidados no fogar e o 96% das persoas con dependencia recoñecida dependen en boa medida do coidado informal. En total, 298.810 persoas teñen algún grao de discapacidade e 54.950 teñen dependencia recoñecida.
O informe recoñece algunhas melloras administrativas na Galicia recente: o chamado ‘limbo da dependencia’ reduciuse do 36% en 2015 ao 0,5% en 2025, moi por debaixo da media estatal do 6,3%. Pero baixo eses datos favorábeis agóchase unha realidade menos relucente: o tempo medio de espera para acceder a prestacións é de 329 días, e a fenda absoluta de coidados —a distancia entre as necesidades reais e os apoios efectivamente dispoñíbeis— sitúase no 83,6%, por riba da media nacional. Dito doutra maneira: o sistema mellora en papeis, pero a xente segue esperando e as familias, sobre todo as mulleres, seguen cargando.
O proxecto Iberlongeva, financiado polo Programa Interreg VI-A España-Portugal (Poctep 2021-2027) e fondos Feder con 1,7 millóns de euros, está impulsado pola Universidade de Vigo, a Universidad de Salamanca e o Instituto Politécnico de Bragança. A dimensión transfronteiriza é relevante: Galicia e o norte de Portugal comparten estrutura demográfica, dispersión poboacional e dependencia do coidado familiar, o que converte a Eurorregión nun laboratorio natural para explorar modelos alternativos de atención á dependencia.
Na xornada de presentación, a vicerreitora do campus de Ourense, Montserrat Cruz, subliñou que ‘falar de coidados en Galicia é falar de territorio, benestar e futuro’. A deputada provincial Patricia Torres apuntou á precarización do sector, un problema estrutural que afecta especialmente ás traballadoras dos servizos de axuda no fogar, moitas delas en condicións laborais deficientes. Juan Martín, director do Centro Internacional sobre o Envellecemento (Cenie), lembrou que ‘o debate sobre os coidados é tamén un debate sobre o modelo de sociedade que queremos construír’.
O estudo conclúe con claridade: os coidados de longa duración deben deixar de ser responsabilidade privada e familiar para converterse nun dereito social garantido polo Estado. En Galicia, onde o envellecemento e a dispersión rural fan máis urxente esta transformación, a pregunta non é se se pode investir en coidados, senón se existe vontade política para facelo. Os números xa están sobre a mesa.