A Autoridade Portuaria anuncia a posta en servizo da conexión ferroviaria para o segundo semestre do 2026, mentres reclama ao Goberno central que saldar a débeda histórica con Ferrol
O porto de Ferrol está a construír o seu futuro sobre tres alicerces: as enerxías renovables, o ferrocarril e a ampliación da capacidade de carga. Así o trasladou o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, durante a V Xornada Porto-Empresa, celebrada no Edificio Prioriño e na que participaron preto de 200 persoas en representación da comunidade portuaria, o tecido empresarial, os centros tecnolóxicos e as administracións públicas.
Baixo o lema ‘O porto, comunidade enerxética’, Barea presentou un ambicioso programa de transformación que posicionaría as instalacións ferrolás como “un dos portos máis avanzados de Europa en transición enerxética”. O plan contempla o desenvolvemento dun ecosistema innovador que inclúe unha gran instalación fotovoltaica, produción e almacenamento de hidróxeno verde e os seus derivados, así como un modelo de autoconsumo compartido para a comunidade portuaria e os buques que operan nas dársenas. Á aposta polo vento mariño súmanse novos actores como WindWaves e Proinlosa, que se unen á comunidade portuaria reforzando o papel de Ferrol como referente na eólica mariña, tanto fixa como flotante.
Sen embargo, a grande certeza anunciada na xornada foi a confirmación da conexión ferroviaria: “No segundo semestre do 2026 será a posta en servizo da conexión ferroviaria entre os portos interior e exterior”, avanzou Barea. A infraestrutura, que supón un investimento total de 166 millóns de euros —120 deles na conexión propiamente dita—, está sendo financiada maioritariamente con fondos propios da Autoridade Portuaria, algo que o seu presidente non dubidou en denunciar publicamente. Outros portos do Estado de características similares recibiron financiamento europeo practicamente íntegro para obras equivalentes, mentres Ferrol asume o groso do esforzo económico de forma autónoma.
Barea foi especialmente contundente ao reclamar ao Goberno central que ADIF cumpra coa súa parte e inicie as obras do ramal desde o porto ata a estación, terreos de titularidade estatal: “A única certeza que temos aquí é que non se vai facer nada. E Ferrol non pode quedarse illado”. A reivindicación dunha liña ferroviaria do século XXI cara á Meseta convértese así nunha demanda de soberanía infraestrutural para unha comarca historicamente marxinalizada polo centralismo.
O ferrocarril será a columna vertebral dos outros tres grandes pilares do porto do futuro: os graneis líquidos —con dúas novas terminais que estarán rematadas o próximo ano—, a terminal de contedores —coa ratificación da aposta de Yilport polo norte de Galicia— e as enerxías renovables. A todo iso engádese a chegada de Global Ports Holding como novo terminalista de cruceiros, cunha inversión inicial de 1,7 millóns de euros que, segundo se anunciou, triplicará o número de pasaxeiros nos próximos tres anos, xerando valor engadido para a cidade e para todo o norte galego.
A xornada pechouse coa entrega da primeira distinción pola colaboración na relación Porto-Cidade, que recaeu nos Amarradores do Porto e Ría de Ferrol, recoñecendo non só a súa labor nos servizos portuarios senón tamén a súa implicación en iniciativas de repercusión cidadá. O acto foi inaugurado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e contou tamén coa presenza da conselleira do Mar, Marta Villaverde.
O reto agora é que o discurso das certezas pase á práctica con equidade: que o Goberno do Estado asuma a parte que lle corresponde nun proxecto estratéxico para a reindustrialización dunha comarca que leva décadas agardando polo tren que merece.