O emblemático edificio, pioneiro na electrificación da cidade, estrena exposición permanente sobre a memoria industrial lucense enmarcada no Plan de Sustentabilidade Turística.
A Fábrica da Luz de Lugo deu un paso decisivo na súa segunda vida. O pasado sábado, o Concello de Lugo presentou o proxecto «A gastronomía que non debemos perder», unha iniciativa que marca o inicio formal do novo uso deste edificio singular como espazo cultural, turístico e de difusión do patrimonio material e inmaterial da cidade. A acto, no que participou a alcaldesa Elena Candia, enmárcase no Plan de Sustentabilidade Turística «…Et edendo, Lucus: un percorrido histórico pola enogastronomía».
O corazón da nova proposta é a exposición permanente recentemente instalada no interior do edificio, que percorre a historia dunha central que ostenta un mérito técnico e histórico de primeiro orde: foi un dos primeiros centros de Europa en incorporar instalacións de dinamo alterna para o transporte de enerxía eléctrica desde a central ata o casco urbano con perdas mínimas. Proxectada polo arquitecto Máquieira, a Fábrica da Luz é ademais un referente recoñecido da arquitectura racionalista española, e a súa conservación —incluída a maquinaria orixinal— constitúe un tesouro do patrimonio industrial galego que durante demasiado tempo permaneceu infrautilizado.
A mostra reivindica o papel desta infraestrutura na modernización de Lugo ao longo do século XX, a súa relación coa contorna natural do río Miño e a súa conexión coa Reserva da Biosfera Terras do Miño. Desde unha perspectiva de valorización do territorio e da memoria colectiva, a exposición propón un itinerario que vai máis alá do simple documento histórico: interpela á cidadanía sobre a identidade industrial dunha cidade que construíu boa parte da súa modernidade grazas á enerxía hidroeléctrica.
A xornada inaugural incluíu tamén unha visita guiada ao edificio e á súa contorna natural dirixida pola guía oficial Mónica Díaz, que permitiu explorar os vínculos entre a central, o Miño e o territorio circundante. Esta dimensión ecolóxica e paisaxística resulta fundamental para comprender a Fábrica da Luz como un ben patrimonial indisociábel do seu medio natural.
O acto pechou cun showcooking a cargo do chef Héctor López, do Restaurante España, baseado en produtos de proximidade da provincia de Lugo, e cunha cata comentada polo enólogo Paco López que puxo en valor a tradición vitivinícola galega. Esta ligazón entre patrimonio industrial, gastronomía local e enoloxía autóctona reflicte unha aposta por un modelo turístico sostíbel que pon a riqueza do territorio —e non a especulación— no centro da estratexia económica.
A recuperación de espazos industriais como a Fábrica da Luz responde a un modelo de desenvolvemento que prioriza o ben común, a memoria obreira e a identidade local fronte á lóxica mercantilizadora que adoita impoñerse nas reformas urbanas. O reto agora é garantir que este espazo quede realmente ao servizo da cidadanía lucense e non se converta nunha atracción exclusivamente destinada ao consumo turístico externo.