O Foro de Copenhague reuniu responsables políticos e industria para debater a transición enerxética como imperativo económico e de soberanía
Representantes institucionais, industriais e axentes sociais de toda a Unión Europea reuníronse en Copenhague os días 21 e 22 de maio para celebrar a duodécima edición do Foro de Infraestruturas Enerxéticas, un encontro anual organizado pola Comisión Europea en colaboración co Ministerio de Clima, Enerxía e Servizos Públicos de Dinamarca. A cita, inaugurada polo comisario de Enerxía e Vivenda, Dan Jørgensen, e polo subsecretario permanente danés Christian Stenberg, deixou unha mensaxe inequívoca: as infraestruturas enerxéticas xa non son só unha cuestión ambiental, senón un pilar fundamental da soberanía económica e estratéxica de Europa.
Os conflitos en curso en Ucraína e Oriente Medio centifron o debate. A dependencia enerxética do exterior demostrou ser unha vulnerabilidade estrutural, e a resposta que propuxo o foro pasa por acelerar a modernización e expansión das redes eléctricas, apostar por solucións dixitais que optimicen a capacidade existente e garantir unha planificación prospectiva que anticipe as demandas futuras. Neste sentido, o reto non é só construír novas infraestruturas, senón facelo de forma intelixente, eficiente e con criterios de distribución xusta dos custos e beneficios entre os distintos territorios da UE.
No que respecta ao financiamento, o foro recoñeceu que segue sendo un obstáculo maior. Faise imprescindible combinar instrumentos financeiros innovadores, apoio público selectivo e maior participación do investimento privado. Ademais, ferramentas como a recentemente presentada plataforma ‘Capacitypedia’ ou os Plans de Desenvolvemento das Redes de Distribución (DNDP, polas súas siglas en inglés) pretenden mellorar a transparencia sobre onde e cando hai capacidade dispoñible nas redes, facilitando así as decisións de investimento.
Outro eixo central do encontro foi a infraestrutura do hidróxeno. Moitos países da UE aínda están a traspoñer a lexislación vixente, polo que a axilidade neste proceso é considerada prioritaria. A creación dun Mecanismo Europeo do Hidróxeno foi sinalada como un instrumento clave para coordinar produtores, consumidores e operadores de infraestruturas, reducindo os riscos de investimento ao longo de toda a cadea de valor.
Dende a perspectiva de Galicia, estas conclusións teñen unha relevancia directa. A comunidade galega, con potencial renovable de primeiro orde —especialmente en eólica mariña e terrestre, así como en hidróxeno verde—, precisa dun marco europeo que garanta a súa conexión efectiva ás redes troncais e que non a condene á periferia enerxética. A demanda de distribución xusta dos custos entre países é tamén aplicable á distribución interna dentro do Estado español, onde os territorios produtores de enerxía renovable adoitan soportar cargas sen recibir os retornos correspondentes.
O foro concluíu subliñando que as solucións técnicas existen; o que falta é vontade política e coordinación real entre gobernos, reguladores, operadores de sistemas, industria, institucións financeiras e sociedade civil. A participación cidadá temperá nos procesos de planificación foi tamén destacada como factor crítico, coa presentación dunha folla de ruta para implicar as comunidades locais desde o principio. Unha aposta que, no contexto galego, resulta especialmente pertinente nun territorio con ampla experiencia —e tensión— arredor da implantación de parques eólicos e outras infraestruturas enerxéticas.