O banco galego lidera no Estado a adopción do chamado ‘comercio axéntico’, onde sistemas de intelixencia artificial executan compras en nome dos clientes.
ABANCA e Visa completaron con éxito a primeira transacción comercial real iniciada por un axente de intelixencia artificial (IA) en nome dunha persoa titular de tarxeta, nunha operación enmarcada no que a industria financeira denomina xa ‘comercio axéntico’. A transacción realizouse con datos reais de tarxeta e empregando os sistemas existentes dun comercio participante, o que supón un paso concreto na integración da IA nos fluxos de pagamento do día a día.
O movemento insírese no programa ‘Agentic Ready’ de Visa, anunciado no Visa Payments Forum de París, onde a compañía estadounidense de medios de pagamento trazou a súa folla de ruta para a implantación masiva de axentes de IA nos ecosistemas comerciais europeos. Os sectores escollidos para os primeiros proxectos piloto son o comercio polo miúdo e as viaxes, dous ámbitos con alta frecuencia transaccional e marxe para a automatización.
Desde ABANCA, con sede en Betanzos (A Coruña) e un dos principais grupos financeiros de Galicia, preséntase esta iniciativa como parte da súa estratexia de liderado tecnolóxico no sistema financeiro español. A entidade subliña que os axentes de IA operan sempre baixo permisos e controis definidos pola persoa usuaria, mantendo o consentimento explícito, a supervisión do emisor e as proteccións regulatorias vixentes.
Jorge Martínez, director xeral de Medios de Pagamento e Consumo de ABANCA, salientou que a colaboración con Visa «consolida» á entidade «como un referente no futuro do comercio dixital». Pola súa banda, Eduardo Prieto, director xeral de Visa en España, destacou que o papel da rede de pagamentos é «garantir que cada transacción siga sendo segura, transparente e fiable».
Máis alá do marketing corporativo, a irrupción dos axentes de IA nos procesos de compra abre interrogantes relevantes que este medio considera necesario colocar sobre a mesa. Quen controla realmente as decisións de consumo cando son delegadas a sistemas automatizados? Que riscos implica para as persoas consumidoras a cesión desa capacidade de decisión a plataformas opacas xestionadas por grandes corporacións tecnolóxicas? E cal é o papel das autoridades reguladoras europeas neste escenario?
A Unión Europea traballa actualmente na aplicación do AI Act, o marco regulatorio sobre intelixencia artificial, mais a velocidade de adopción destas tecnoloxías polas entidades financeiras supera con frecuencia os tempos da supervisión pública. No caso dos pagamentos axénticos, a responsabilidade recae de momento nas propias empresas, nun réxime de autorregulación que historicamente favoreceu aos intereses corporativos por riba dos das persoas usuarias.
Galicia, como territorio periférico cun tecido produtivo baseado en pequenas e medianas empresas, enfronta ademais o risco de que estas transformacións tecnolóxicas beneficien principalmente ás grandes plataformas de comercio electrónico, acelerando a desaparición do comercio local e de proximidade. A automatización das decisións de compra tende a concentrar as transaccións nos operadores con maior presenza dixital, o que pode agravar a fenda entre o rural e o urbano e prexudicar o pequeno comercio de barrio e de aldea.