O programa, impulsado pola Consellería de Emprego e o Concello de Carballeda de Avia, activará equipamentos comunitarios e residencias creativas ata decembro de 2026
A aldea de Muimenta, no municipio ourensán de Carballeda de Avia, converterase nun laboratorio vivo de dinamización rural e emprendemento social grazas ao proxecto Muimenta Viva, unha iniciativa pública que arrancou formalmente este sábado coa visita da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño.
O programa, froito da colaboración entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o goberno municipal, ten como eixo central a posta en valor dos novos equipamentos comunitarios da aldea: a Praza da Festa, a cociña comunitaria, a vivenda pública e o novo centro social. Espazos que, até agora infrautilizados, pretenden converterse en motor de actividade colectiva, creatividade e desenvolvemento local.
A peza clave desta primeira fase é a incorporación dunha persoa residente durante seis meses na propia aldea, que asumirá as funcións de coordinación e dinamización comunitaria. Trátase dun modelo de intervención territorial que aposta pola presenza e o arraigo fronte ás lóxicas de intervención externa e puntual que historicamente marcaron as políticas de desenvolvemento rural. Até decembro de 2026, está previsto un programa de actividades participativas, encontros e residencias temporais de carácter creativo e profesional.
A directora xeral subliñou que o obxectivo de fondo é transformar a percepción do rural: que máis persoas o vexan como un lugar onde vivir, traballar e desenvolver proxectos, aproveitando os novos contextos de mobilidade laboral e o auxe do traballo en remoto. Neste sentido, Muimenta Viva encádrase na Estratexia de emprendemento ligado ao territorio que a Xunta está a ultimar, e conecta con iniciativas previas como Fixar, un programa para atraer nómades dixitais ao rural galego que conta xa coa súa terceira edición en funcionamento, con espazos como Sende (Lobeira), Anceu Coliving (Ponte Caldelas) e iSlow (Laxe).
Na xornada de presentación participaron tamén o alcalde de Carballeda de Avia, Luis Milia, así como representantes da Fundación RIA e das entidades colaboradoras Sende e Anceu Coliving, dúas das iniciativas privadas de referencia no modelo galego de coliving rural.
Dende unha perspectiva crítica, cómpre valorar positivamente que o proxecto aposte por infraestruturas de titularidade pública e por un modelo de dinamización baseado na participación comunitaria e na colaboración interinstitucional. A Rede Ultreia, que xa agrupa máis de 140 entidades vinculadas ao emprendemento no territorio, aparece como ferramenta de articulación deste ecosistema.
Porén, o éxito real do programa dependerá de que as persoas que cheguen á aldea non funcionen como simples visitantes creativos, senón de que se xeren condicións materiais e laborais que permitan o arraigo efectivo, con especial atención ás mulleres, que historicamente cargan con maior peso na xestión dos coidados e que atopan maiores barreiras para o emprendemento nos contextos rurais.
Muimenta Viva representa, en todo caso, un paso concreto cara a un modelo de desenvolvemento rural que prioriza o ben común, a innovación social e a soberanía territorial sobre lóxicas puramente mercantís.